sexta-feira, 21 de janeiro de 2011

Carta da prisom ao Comité de Solidariedade de Presas e Presos Políticos


Boas:
Moitas gracias pola tarxetiña pero sobre todo por escribirme; nunca fun o máis listo da clase mais... non sei, o que me deu a pensar é que, se as chaves abrisen as portas a novos camiños e non pechasen gaiolas nin grilletes... mais o apoio e os ánimos que transmitides non hai fechadura que os vete.
Moitas gracias ao colectivo e quero facervos saber da miña admiración pola vosa labor, esforzo e cariño que dan ese sorriso de ilusión forza e esperanza a aqueles que lles é negada a liberdade polo mero feito de loitar por ela contra esta falsa e noxenta “democracia” que nola vai quitando día a día; pois tanto na rúa coma nas cadeas... todos somos presos e presas deste inxusto sistema.
E ... bo, non sei que mais dicir pois a verdade... sinto tanta emoción en cada carta que estou a recibir que me custa responder mais aló do agradecemento.
Dicir que me atopo nun módulo que chaman de “convivencia e respecto” que, dentro do que supón estar na cadea, recibo un trato aceptable, un trato que custou tanto sufrimento e resistencia de tantos homes e mulleres, que mediante motíns e numerosas e continuas exposicións a malleiras, torturas e castigos vexatorios continuaron a loita con enteireza e coraxe sobrehumana, así coma as numerosas e interminables folgas de fame alongadas pola crueldade duns funcionarios que mediante alimentación forzosa prolongaban esa horrible agonía; tanto esforzo e sacrificio que fixeron que hoxe poda estar nunha cela con televisión, calefacción e auga quente mentres escribo esta carta.
Dicirvos sinceramente que non desexaría levar aquí o tempo suficiente para montar unha comuna coma a de Carlos Marx, pois desexo saír canto antes, o que si podo dicir con toda humildade é que, a pesar do ano e pico que comecei a coller conciencia e amor pola clase obreira a que pertenzo (pero tan só uns meses chegáronme para decatarme que baixo as burocracias e patróns deste sistema que nos mantén submisos, amansados, individualizados e indiferentes ante esta noxenta paz social que fai que nada cambie senón que empeore), teño toda a intención de seguir formándome e intentando adquirir e fortalecer os valores e as actitudes dos auténticos revolucionarios e revolucionarias co exemplo, mediante o compañeirismo e solidariedade autocrítica e todo o que leva consigo e que tanto me queda por aprender, é a miña necesidade e a miña obriga, tanto fóra coma aquí dentro, i é o maior recoñecemento e agradecemento a tantos e tantos loitadores e revolucionarios e revolucionarias de verdade, e polo voso colectivo e todas as mostras de afecto e solidariedade que me están facendo chegar. Moitas gracias de novo, dóuvolas dende o sentir máis sincero.
Unha aperta ben forte.

Ogallá que o noso canto se avive
polo surco que nunca remata
pois por moito que chova seu ceo
na melodía escoitase a esperanza
Que a cinza sexa do noso medo
e con lume a nosa vinganza
cando por moito que queiran non podan
mexar mais sobre o noso mencer

Nenhum comentário:

Postar um comentário